Luis López anuncia un apoio de 15.000€ para que a Banda de Gaitas de Forcarei leve ata México a música tradicional galega co proxecto Camiños Atlánticos
O presidente provincial, acompañado pola alcaldesa e deputada provincial, Belén Cachafeiro, participa na celebración do XI Festival de Música Tradicional de Forcarei que serviu para conmemorar o vinte aniversario da agrupación municipal
11/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o peso da Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, que está a celebrar os seus vinte anos de traxectoria, na preservación da música tradicional, na difusión da cultura e na dinamización da vida social dos concellos. Unha vocación que os levará este ano ata México para participar no proxecto “Camiños Atlánticos” para o que contarán, segundo anunciou o mandatario provincial, cun apoio de 15.000 euros por parte da Deputación. “Compráceme anunciar a nosa colaboración para que a Banda de Gaitas de Forcarei estreite lazos cos nosos irmáns da outra beira do Atlántico, difunda a nosa música tradicional e forme parte dun proxecto global como é “Camiños Atlánticos”, declarou López acompañado pola alcaldesa e deputada provincial, Belén Cachafeiro.
No auditorio municipal de Soutelo de Montes, en Forcarei, tivo lugar a undécima edición dun festival de música tradicional que xa é unha referencia no calendario musical da provincia que acolle cada ano esta localidade. “Se esta Terra de Montes, esta provincia de Pontevedra, na que temos a sorte de vivir tivera unha banda sonora, sería a das bandas de música. Agrupacións como a de Forcarei compoñen a banda sonora da película das nosas vidas. Un labor que moitas veces desempeñades de xeito altruísta: por amor pola vosa terra, pola nosa xente e pola nosa cultura”, recoñeceu o mandatario provincial
O Festival de Música Tradicional de Forcarei está consolidado xa como un evento clásico na axenda cultural e musical da provincia. A undécima edición, que serviu para conmemorar as dúas décadas de traxectoria da Banda de Gaitas municipal, contou coa participación de Jose Antonio Vidueiros, fundador da agrupación sobre a que se proxectou un vídeo resumo dos seus vinte anos de historia. O festival contou ademais coa actuación das Pandereteiras Lus de Kelkoa de Forcarei, de MusicGlam e de Silvia Ferré.
Unha longa traxectoria que, segundo admitiu o presidente provincial, “merece o máximo recoñecemento e o máximo apoio”. Neste sentido, lembrou Luis López que a Deputación colabora coa Banda de Gaitas Municipal de Forcarei e co resto de agrupacións musicais deste ámbito da provincia a través de dous programas de apoio. Un para promover a adquisición e reparación de instrumentos musicais e vestiario e outro para fomentar tanto a organización de festivais como a participación destas entidades en eventos celebrado fóra da provincia. Plans de apoio cos que a Deputación mobilizou este ano 400.000 euros. “Non é un premio, é o noso particular aplauso pola vosa traxectoria e peso no rico e variado tecido cultural da provincia”, concluíu López.
