Luisa Sánchez pon en valor o Torneo Internacional de Tenis Feminino de Vigo como un símbolo de todo o que un grande evento deportivo pode ofrecer á cidade

A vicepresidenta da Deputación asegurou que “estar rozando as 30 edicións non pode despistarnos e debe recibir toda a atención e coidado pola nosa parte”

30/07/2026

Luisa Sánchez pon en valor o Torneo Internacional de Tenis Feminino de Vigo como un símbolo de todo o que un grande evento deportivo pode ofrecer á cidade

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puxo en valor durante a presentación do Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo o carácter “consolidado” que ten esta competición no calendario internacional, e que representa “o que un grande evento deportivo pode ofrecer á nosa cidade”. A vicepresidenta da Deputación asegurou que o torneo, que conta co apoio da institución provincial, “é unha carta de presentación ideal para Vigo porque proxecta a cidade e a sitúa mundialmente, porque mobiliza a deportistas de elite creando referencias e xerando unha alta adherencia ao deporte, porque fomenta o movemento económico e un modelo de calidade turística innegable, e ademais constitúe un espectáculo deportivo para todos os vigueses e viguesas”.

Por todos estes motivos, sinalou Luisa Sánchez, “o feito de que esta competición estea rozando as 30 edicións non pode despistarnos: ten que recibir toda a atención e coidado pola nosa parte, loitar por esta competición ano a ano, dedicarlle o tempo e os recursos necesarios”. Por iso agradeceu o Círculo Mercantil “que vele polo mantemento desta proba nas súas instalacións durante os últimos anos e permita a súa continuidade”, xa que albergar grandes torneos deportivos “require de instalacións, esforzos, orzamento e intanxibles como o compromiso, o interese e a planificación”.

A vicepresidenta sinalou que “na Deputación estamos notando que unha aposta clara e decidida polo deporte, con recursos e planificación, ten grandes efectos positivos”. Neste sentido, asegurou que “nunca nesta provincia houbo tantas bolsas a tantos deportistas como agora, e os deportistas saben que poden contar coa Deputación e que a nosa aposta é unha realidade”. Luisa Sánchez asegurou que “en 2026 recibimos o dobre de solicitudes que en 2023, de algo máis de 300 a máis de 650 solicitantes”, e anunciou que “apoiaremos a todos os que cumpran os requisitos volvendo bater as marcas de deportistas con bolsa, porque é unha verdadeira satisfacción potenciar o talento dos deportistas de Vigo e da nosa provincia”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.