Luisa Sánchez recibe en Vigo á frota de La Solitaire du Figaro, que permanecerá na cidade ata o domingo
19/09/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, recibiu este venres aos 34 regatistas que compoñen a frota da 56ª La Solitaire du Figaro Paprec. Os monotipos comezaron a chegar a porto contra las 21.30 horas despois de completar unha travesía de 486 millas entre a baía de Morlaix e a cidade olívica. O primeiro en cruzar a liña de meta situada en Cabo Home, xa de noite, foi o patrón francés Hugo Cardon, que rematou esta segunda etapa da proba en 4 días, 2 horas e 14 minutos.
Luisa Sánchez felicitou aos deportistas pola súa bravura á hora de afrontar esta esixente proba, na que os regatistas navegan en solitario e sen practicamente poder durmir. A entrega de premios celebrarase ás 12.00 horas deste sábado. A terceira e última etapa partirá da ría de Vigo, rumbo a Normandía, ás 17.00 horas do domingo. Namentres, o peirao vigués albergará diferentes actividades paralelas para celebrar a estadía desta proba única no mundo.