Luisa Sánchez reivindica a exposición ‘Crear Porvir’ como símbolo dos 75 anos nos que Galaxia “abriu camiños e acompañou á cidadanía como referente cultural”

04/12/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reivindicou a exposición ‘Crear Porvir’, inaugurada este xoves na sede de Afundación, como símbolo dos 75 anos nos que a Editorial Galaxia “abriu camiños e acompañou á cidadanía como referente cultural”. Igualmente, puxo en valor a “valentía” mostrada polos fundadores ao decidir en 1950 que Galicia “merecía un espazo propio para pensar e crear”. Do mesmo xeito, agradeceu á editorial que, con esta mostra, “poidamos recordar que o porvir non cae do ceo: constrúese”.

Este percorrido pola historia de Galaxia salienta o seu papel fundamental na evolución cultural de Galicia, facendo fincapé nos seus autores e títulos máis destacados. A exposición permanecerá aberta ata o 10 de xaneiro de 2026, de luns a sábados de 17.30 a 20.30 horas, e contará con visitas guiadas os días 10 e 17 de decembro e 7 de xaneiro.