A Deputación retoma esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos polo Carreirón e polo Pazo de Lourizán

As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de setembro, esténdense ata finais de outubro

11/09/2025

A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 13 de setembro terán lugar no Carreirón, na illa de Arousa, mentres que o domingo 14 de setembro se desenvolverán no Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Todas as prazas para participar nas rutas de setembro están completas, esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición. O prazo para inscribirse nas rutas de outubro abrirá o próximo 22 de setembro ás 9:00 horas.

O Carreirón ten a catalogación de Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e está integrado no Parque Natural do Complexo Intermareal Umia-O Grove. Trátase dunha península de 1,3 km2, unida á illa polo tómbolo das Salinas, que se atopa en estado completamente puro e con varios sendeiros. A súa costa recortada dá lugar a praias de area fina, lagoas e marismas, así como diferente flora e fauna. Pola outra banda, o Pazo de Lourizán destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. A finca, situada nunha ladeira aberta á Ría de Pontevedra fronte á illa de Tambo e Combarro, presenta outros elementos de interese como o pazo, o hórreo, a eira, o invernadoiro, o parque das rías, a cova dos espellos e os xardíns construídos por Montero Ríos entre finais do século XIX e principios do XX.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). No 2025 a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Ademais dos percorridos desta fin de semana, durante este mes de setembro +Bosques realizará novas visitas ao Carreirón o 28 de setembro e ao Pazo de Lourizán o 27 de setembro. As saídas deste mes complétanse con percorridos na Illa de Tambo o 20 de setembro e pola Ruta da Pedra e da Auga o 21 de setembro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.