A Deputación leva este sábado o ciclo +Escénicas ata A Guarda co espectáculo Ninja

A compañía Teatro Ghazafelhos será a encargada de representar esta peza a partir das 18:00 horas no Salón de actos do Centro Cultural

28/01/2026

ciclo +Escénicas en A Guarda co espectáculo Ninja

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 31 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao Concello da Guarda da man dun espectáculo a cargo da compañía Teatro Ghazafelhos. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Ninja”, finalista a mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares 2023, representarase ás 18:00 horas no Salón de actos do Centro Cultural da vila e trátase dunha peza que aborda o acoso escolar a través dunha historia chea de humor e reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade. Á súa protagonista, Tori, encántalle a cultura oriental e o seu soño é ser unha ninja. Mentres adestra para conseguir converterse en ninja, descobre que no seu colexio hai moitas nenas e nenos que queren ser invisibles para deixar de sufrir acoso. Coa axuda do seu veciño, o señor Edelmiro, conseguirán dar visibilidade ao que está a acontecer e empezar así a mudar as tornas.

Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.