A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Meaño cunha obra de teatro a cargo de Malasombra

O espectáculo para todos os públicos “De algo hai que morrer” representarase no Centro Social de Dena ás 18:30 horas

26/02/2026

A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Meaño cunha obra de teatro a cargo de Malasombra

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 1 de marzo o circuíto +Escénicas ao concello de Meaño da man da compañía de teatro Malasombra que representará “De algo hai que morrer”. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O espectáculo "De algo hai que morrer" representarase no Centro Social de Dena ás 18:30 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha conferencia fúnebre-cómico-teatral na que o profesor Jeckill e o profesor Hyde divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción: a morte. Os profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre temas relacionados co asunto principal, como a vida, a inmortalidade, os sinais, as maneiras de morrer, o asasinato, as guerras, o enterro ou a pena de morte, pero tamén sobre a vida que hai tras ela.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo do 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.