A Deputación leva este sábado As Lembranzas a Meis a través do programa provincial +Música

16/05/2025

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 17 de maio a Meis un concerto do grupo As Lembranzas enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación das meisiñas terá lugar na Finca da Parga a partir das 20:30 horas e encádrase na Romaría das Letras Galegas posta en marcha polo Concello de Meis.

As Lembranzas son tres mulleres dunha mesma familia que simbolizan a terra, a voz, a forza e a tradición. A formación actualiza a herdanza dos cantos liderados polas mulleres galegas, dando frescura ao repertorio tanto tradicional como propio a través da polifonía, con moita retranca, alegría e mensaxes de apoderamento feminino. No seu concerto en Meis, ademais, estrearán dous temas froito da súa colaboración co rapeiro coruñés Habló Pablo.

O concerto das Lembranzas é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.