A Deputación leva este xoves a Guadi Galego ata Sanxenxo a través do programa provincial +Música
O grupo actuará na Explanada da Casa de Cultura de Dorrón ás 22:00 horas
22/07/2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 24 de xullo a Sanxenxo un concerto de Guadi Galego enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Explanada da Casa de Cultura de Dorrón a partir das ás 22:00 horas.
Guadi Galego, unha das voces femininas máis relevantes do panorama musical galego das últimas décadas, presentará en Sanxenxo o seu espectáculo “Síntese Horizonte”. Trátase dunha aposta da artista pola evolución do seu son, pois con cada disco e con cada espectáculo, foi aprendendo a desprenderse do establecido. Acompañada dunha portentosa banda e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena, Guadi Galego confirmará unha vez máis o poder transformador que ten a música ao vivo.
O concerto de Guadi Galego é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.