A Deputación avanza que destinará 92.000 euros a Vilagarcía de Arousa para financiar as obras de ampliación do saneamento e abastecemento na rúa Muíños de Cea
O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe o concello para anunciar que este mesmo venres se aprobarán estes recursos, que son parte dos 610.000 € que Vilagarcía recibe ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia
21/05/2025
O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe Vilagarcía de Arousa, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar de ampliación do saneamento e abastecemento na rúa Muíños de Cea, en Carballido. Farao a través dun investimento de 92.930 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia, da que a Vilagarcía lle corresponden un total de 611.124 € neste 2025 e dos que xa se aprobaron 61.055 € para as obras de mellora do firme na Rúa Fontecarmoa e Travesías Rosalía de Castro, que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.
O deputado deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Vilagarcía de Arousa dotar de saneamento e abastecemento a un núcleo de vivendas situadas na rúa Muíños de Cea, en Carballido. Trátase dun núcleo de vivendas no que, debido á rasante da rede de saneamento, non é posible a súa conexión coa mesma por gravidade, por iso a opción é dotar á zona de saneamento e depuración autónoma, e ampliar ademais a rede de abastecemento xeral.
Javier Tourís recordou que neste 2025 Vilagarcía de Arousa recibirá 1,5 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación. Neste eido enxalzou este programa que representa “á perfección como traballamos, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para o avance do conxunto da provincia”. Tamén asegurou que “plans como este permiten que concellos como Vilagarcía de Arousa poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras como esta nesta parroquia de Carballedo, que melloran a calidade de vida da veciñanza”.
