O deputado provincial Marcos Guisasola participou esta mañá na entrega dos VII Premios María Luz Morales

O deputado provincial Marcos Guisasola participou esta mañá na entrega dos VII Premios María Luz Morales, convocados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas en recoñecemento aos mellores ensaios escritos e en formato vídeo en lingua galega sobre audiovisual galego e internacional.

05/10/2023

 VII PREMIOS MARÍA LUZ MORALES

A entrega tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde o deputado entregou en representación da Deputación de Pontevedra o galardón ao mellor videoensaio sobre audiovisual internacional a “Almodóvar roda sobre rodas”, de Juan Ares (de Silleda e alumno da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo), por “aproveitar as posibilidades do medio á hora de identificar recursos narrativos convertidos en trazos autorais, confiando exclusivamente no poder suxestivo da montaxe para construír argumentos puramente audiovisuais, que transcenden a xustaposición para establecer diálogos capaces de xerar novos significados”.

Na súa intervención, Marcos Guisasola destacou que “o noso audiovisual está vivindo os seus mellores tempos” e sinalou o éxito de títulos como ‘O que arde’, ‘As bestas’, ‘O sabor das margaridas’ ou a gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián ‘O corno’, patrocinada pola Deputación. “Somos unha administración comprometida coa cultura e coa nosa industria audiovisual”, asegurou Guisasola, que lembrou que “fomentar o desenvolvemento do noso tecido cultural é facer país”. O deputado destacou que cantos máis títulos de audiovisual galego haxa dispoñibles “tamén os investigadores terán máis material para tomar como marco de referencia nos seus ensaios”.