A Deputación destina medio millón de euros entre 51 clubs de deporte náutico da provincia

Os fondos provinciais chegan a clubs de piragüismo, remo e vela con criterios que valoraron de forma especial as licencias femininas e as de deporte adaptado

30/06/2022

O goberno da Deputación aproba esta semana as subvencións a clubs náuticos da provincia que participan en competicións oficiais de ámbito náutico. Serán en total 500.000 euros que chegarán a 51 entidades deportivas de 23 concellos da provincia das modalidades de piragüismo (280.000 euros para 27 clubs), remo (145.000 euros para 15 clubs) e vela (75.000 euros para 9 clubs). As concesións lévanse a cabo mediante concorrencia competitiva valorándose o orzamento dos gastos subvencionables presentados por cada entidade e número de licencias federativas, entre as que a institución provincial valorou de xeito especial as licencias femininas ou as de deporte adaptado.

Os fondos provinciais chegarán á comarca do Salnés con máis de 120.000 euros para 12 clubs repartidos entre 2 de Sanxenxo; outros dous de Vilagarcía; tres do Grove; e un de Cambados; 1 de Catoira; 1 da Illa de Arousa; 1 de Pontecesures e 1 de Ribadumia. Tamén se aprobarán recursos para 12 clubs da comarca de Pontevedra entre os que se repartirán case 110.000 euros para tres clubs de Marín; un de Caldas de Reis, dous de Poio; catro de Pontevedra e dous de Vilaboa.

Para o Morrazo a Xunta de Goberno dará luz verde a case 72.700 euros que se repartirán entre oito clubs, cinco son de Cangas; outro é de Bueu; e dous clubs de Moaña. Para a comarca de Vigo aprobaranse achegas por máis de 126.000 euros que estarán destinadas a 12 clubs. Serán 9 do concello de Vigo; dous de Redondela; e un de Baiona. Ao Condado e A Paradanta chegará unha achega de 5.460 euros para un club de Mondariz e para o Baixo Miño a institución provincial aprobará recursos para seis clubs por un total de 59.000 euros: un club da Guarda; catro de Tui; e un de Tomiño.