Luis López afirma que a colaboración institucional dá resultados como a mellora da estrada entre Chancelas e Combarro, en Poio
O presidente provincial salienta a achega de 255.000 euros dos recursos do +Provincia para o financiamento compartido coa Xunta do proxecto de reasfaltado e construción dunha senda peonil e ciclista entre Chancelas e Combarro
21/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes o Concello de Poio para comprobar o remate das obras de construción dun carril bici, unha senda peonil e a mellora do firme entre as localidades de Chancelas e Combarro. Un proxecto a tres bandas entre o Concello, a Xunta e a Deputación, valorado en máis de 510.000 euros, no que o organismo provincial achega un total de 256.000 euros a través do convocatoria deste ano 2025 do plan +Provincia. “Esta obra supón un cambio de imaxe nunha das xoias da Rías Baixas como é Combarro e unha mellora para os peóns e os vehículos”, afirmou o dirixente despois de percorrer un treito desta estrada en compañía do alcalde, Ángel Moldes, e do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo.
A actuación centrouse no Camiño Real de Chancelas, entre o Camiño da Bouza e o Camiño Loureiro, nun treito de tres quilómetros no que se construíu unha senda peonil e ciclista cun pavimento de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho que conecta os núcleos da Bouza e de Combarro. A obra serviu tamén para reasfaltar a estrada, implantar sistemas de calmado de tráfico e instalar elementos de mobiliario urbano. Neste sentido, o mandatario provincial relaciona esta nova mellora co compromiso da Deputación coa veciñanza de Combarro.
“O noso compromiso con Combarro é evidente. Aquí tivemos a saída de La Vuelta, hai nada visitamos a Casa de Combarro para recuperala para o desfrute dos veciños, hai un mes en Casalvito iniciamos unhas obras importantísimas e necesarias; e hoxe este proxecto que pasa do papel á realidade grazas á esa colaboacion entre a Xunta e a Deputación porque desde este mandato xa non existen cláusulas antixunta nin nada que se pareza”, afirmou o dirixente.
Unha mellora das infraestruturas e os servizos para a veciñanza deste Concello que, segundo o presidente Luis López, ten no alcalde Ángel Moldes o seu “artífice”. “En Poio ata hai dous anos as novas que aparecían tiñan que ver coa falta de seguridade. Dous anos despois, Poio pasa a ser un exemplo de novas de melloras para os vehículos, para os ciclistas e para os peóns. Porque o alcalde ten clara a súa folla de ruta, porque é capaz de buscar fondos noutras administracións e porque é capaz de sacar proxectos que estaban no caixón e outros que parecían impensables para os veciños”, concluíu o presidente, quen tamén puxo en valor a cooperación da Xunta como “ese aliado da Deputación polo ben dunha provincia extraordinaria”.

