A Deputación saca xa a licitación a mellora da seguridade viaria na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui, por case medio millón de euros

As obras comprenden a creación dunha zona de convivencia con preferencia peonil na contorna do Centro Cultural e da igrexa de Santa Comba ademais de actuacións para acondicionar o viario municipal que cruza a zona

13/03/2022

Xunta de Goberno

A Deputación vén de sacar a licitación as obras de mellora da seguridade viaria en na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui, cuxo orzamento ascende a case medio millón de euros (468.243 €) que serán financiados pola institución provincial nun 70% (327.770€) e o Concello asumirá o 30% restante (140.473€). Con estas actuacións a Deputación busca un deseño comprensible e utilizable da estrada provincial por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade. Deste xeito, segue a liña do seu modelo de mobilidade amable, sostible e segura no que as e os peóns teñen prioridade sobre o tráfico rodado.

As obras realizaranse dende o punto quilométrico 1+950 ata o 2+150 e permitirán a creación unha zona de convivencia con preferencia peonil na contorna do Centro Cultural e da Igrexa de Santa Comba, unha zona con moito tránsito. Amais, acondicionarase o viario municipal que a cruza neste punto para recoller o tráfico dos vehículos que se desviarán coa peonalización. Tamén se mellorará o trazado existente coa ampliación do radio das curvas máis pechadas e o deseño dunha beirarrúa máis ancha que a existente para separar o tráfico peonil. As obras completaranse coa renovación da iluminación e recollida das pluviais e incorporaranse elementos redutores de velocidade. Os traballos comprenden uns 200 metros de zona peonil, e uns 300 de viario municipal con senda.

Máis polo miúdo, a mellora da mobilidade peonil acadarase mediante as obras de demolición do viario EP-2502 na zona de actuación, para peonalizar o ámbito, así como das beirarrúas e parte da sección da calzada necesaria para a ampliación da senda no caso do viario municipal. Executarase o pavimento da nova ordenación deseñada, que combinará formigón con lousas de pedra na zona peonil, e  no viario municipal senda de formigón coloreado. Amais, abordarase o reforzo do firme da calzada no viario municipal mediante fresado e reposición de la capa de rodadura e as obras contemplan a reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito, así como a instalación de mobiliario: bancos, arborado e bolardos, para acondicionar a contorna. A mellora completarase coa execución dos servizos urbanos necesarios, que inclúen o soterramento do alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións.

 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.