A Deputación promove xunto coa Universidade de Vigo unha mesa de debate para afondar en como facer fronte ás lesións coa participación de Javi Gómez Noya, Andrea Fuentes, Antía García e Xisela Aranda

A sesión terá lugar o 26 de setembro ás 19:30 horas na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na Casa das Campás, e conta con entrada gratuíta previa inscrición

09/09/2025

Mesa de debate para afondar en como facer fronte ás lesións

A Deputación de Pontevedra promove xunto coa Universidade de Vigo unha mesa de debate para afondar en como afrontan as lesións as e os deportistas de elite. A sesión terá lugar o venres 26 de setembro ás 19:30 horas na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na Casa das Campás, e ten xa aberta a inscrición gratuíta. Durante a conversa, a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, dará a coñecer a súa experiencia como sete veces campioa de España de squash, futbolista profesional e integrante do Consello de Administración do RC Celta de Vigo.

A xornada, co título O deporte e as lesións, diferentes perspectivas e moderada pola xornalista e adestradora Sara Tabares, contará, ademais de con Xisela Aranda, coa participación da catro veces medallista olímpica e actual seleccionadora española de natación artística, Andrea Fuentes; o tamén medallista olímpico e cinco veces campión do mundo de triatlón Javier Gómez Noya; e a campioa do mundo de salvamento Antía García. No encontro reuniranse as visións de deportistas de elite sobre o que o supuxeron as lesións nas súas traxectorias, afondando tanto en como inflúen na vida dun deportista como no xeito de afrontalas e de previlas. Coordinada polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON, Hugo Ogando, esta mesa porá o foco na influencia dos acontecementos traumáticos na carreira deportiva ou saúde mental dos deportistas, as experiencias vividas ou o apoio que outros profesionais poden prestar nestas situacións.

Catro figuras de referencia

Coas lesións como eixe central, este encontro reunirá figuras de referencia no deporte de elite como a exdeportista de alto rendemento e directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, que na súa traxectoria no squash sumou sete títulos de campioa de España e foi once veces campioa galega, ademais de catro veces gañadora da Copa de España. Posteriormente, viviu tamén unha etapa como futbolista, para logo formar parte do Consello de Administración do RC Celta, etapa na que destaca a súa contribución á creación de As Celtas.

Tamén participará a seleccionadora de natación artística Andrea Fuentes, máxima medallista olímpica española nesta especialidade, grazas ás tres pratas e o bronce que logrou en Pekin 2008 e Londres 2012. A estes logros, Fuentes Fache sumou ademais un ouro, sete pratas e once bronces nos campionatos do mundo e seis ouros e dez pratas nos campionatos de Europa ao longo da súa traxectoria deportiva.

Súmase á conversa a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres, Gómez Noya, que tamén logrou cinco medallas de ouro, catro pratas e dous bronces nos Campionatos do Mundo de Triatlón de distancia olímpica, ás que se suman catro ouros nos europeos e un título de campión de mundo de longa distancia, así como máis de 70 podios en torneos internacionais. Noya, egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, converteuse tras a súa retirada no adestrador do Team Spain, o grupo de alto rendemento de triatlón con sede no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Á visión destes dous medallistas olímpicos sumarase a dunha deportista en activo, a nadadora e tamén egresada da UVigo Antía García, titulada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e en Fisioterapia. Na súa traxectoria deportiva en salvamento e socorrismo, na modalidade de piscina, figuran cinco ouros e once medallas nos campionatos de Europa de categoría absoluta, un título de campioa do mundo ou tres medallas nos World Games, unha sorte de olimpíadas para disciplinas non presentes nos xogos.

De conducir este coloquio responsabilizarase a experta en actividade física na muller e en poboacións especiais e directora do centro de adestramento persoal Performa Sara Tabares. Autora tamén de varios libros sobre preparación física, o seu labor en materia de divulgación científica levouna a ser recoñecida co Premio Concha García Campoy en 2021.