Rafa Domínguez e Javier Tourís visitan as obras de reparación do muro do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra acomete estes traballos de urxencia cun orzamento de preto de 30.000 euros e un prazo de execución de catro semanas

24/10/2023

Rafa Domínguez e Javier Tourís visitan as obras de reparación do muro do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto ao deputado provincial Javier Tourís visitaron os traballos urxentes que acaba de iniciar a institución provincial para apuntalar provisionalmente o muro de contención situado no perímetro do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe. As obras teñen un importe próximo aos 30.000 euros e un prazo de execución de catro semanas.

A través desta medida, a institución provincial soluciona os derrumbamentos detectados nunha inspección técnica en diversas zonas do fuste deste muro de formigón con respecto aos tramos de muro contiguos; é dicir, os localizados nas zonas de xuntas. Na inspección apreciouse unha falta de verticalidade no fuste, co que se poñía en dúbida a súa estabilidade. Ante isto, as obras acometidas pola Deputación consisten en executar unha zapata de formigón armado sobre a soleira existente, de 30 metros de longo. Sobre ela, colocarase unha estrutura triangular para suxeitar o muro.

O muro afectado, de formigón armado e de constitución “en ménsula”, ten por obxectivo conter o terreo e mais a explanada dun dos aparcamentos do complexo do Centro Príncipe Felipe, situado na zona norte, ademais de salvar a diferenza de cota entre o propio aparcamento e a infraestrutura deportiva.

Cómpre lembrar, ademais, que a Deputación aprobou recentemente a mobilización de 100.000 euros para renovar a iluminación do campo de fútbol do complexo, para cumprir así a demanda histórica dos clubs que o empregan a diario como campo de adestramento.