O Museo achégase á vitalidade e o dominio da cor da pontevedresa Carmen Domínguez cunha exposición que recupera obras saídas directamente do seu estudio

A exposición ‘Carmen Domínguez. De cor a cor’, comisariada polo seu fillo e artista Kike Ortega, ábrese o xoves 11 ás 19.30 horas e poderá visitarse ata o 3 de xullo

05/05/2023

Museo previa exposición Carmen Dominguez

O Museo de Pontevedra rende homenaxe na súa próxima exposición a Carmen Domínguez, a artista pontevedresa falecida en abril de 2021, que explorou de maneira apaixonada a expresividade da forma e a cor. A mostra ‘Carmen Domínguez. De cor a cor’ abre as súas portas o próximo xoves 11 de maio ás 19:30 horas no Edificio Castelao. Poderá visitarse ata o 3 de xullo.

A exposición reúne 26 pinturas saídas do seu estudio. O comisario da mostra é o artista Kike Ortega, fillo da pintora, quen da obra da súa nai destaca: “A súa pintura pasou por distintas fases e tendencias estéticas —desde a primeira figuración ata a abstracción— co fin expreso de buscar unha linguaxe plástica acorde co seu vehemente desexo de expresarse a través da forma e da cor… a cor, sempre a cor como soberano absoluto”.

A mostra ábrese coa obra ‘El mercado’, da década de 1980 e aínda figurativa, para logo dar paso a obras que van desde os anos 90 ata a década pasada, influenciadas por artistas como Tàpies, Manolo Miralles e Leopoldo Nóvoa. Nelas experimenta coa cor e a luz e incorpora materiais que outorgan volume aos cadros. O resultado é unha obra cunha gran forza narrativa, na que a abstracción convive con constantes referencias a formas recoñecibles con moita carga simbólica, como escaleiras, árbores e formas telúricas. 

Carmen Domínguez naceu en Pontevedra na década de 1950. A súa vida está marcada por un afán constante de aprendizaxe. Aínda que cursou Maxisterio, sempre puxo o seu interese na expresión artística, o que afianzou co seu paso polas escolas de diferentes artistas. En 1968 marchou a estudar a París, o que a achegou á obra de artistas fundamentais como Picasso, Mondrian ou Kandinski. A comezos dos 80 viaxou a Rusia, onde entrou en contacto co mundo pictórico do país.

En 1983 tivo lugar a primeira exposición individual de Carmen Domínguez, apadriñada por Laxeiro. É a liña de saída para unha carreira á que foi sumando galardóns e exposicións individuais e colectivas en cidades de Galicia e España, pero tamén en Alemaña, Arxentina e Uruguai.

A exposición complementarase coa edición dun catálogo en edición bilingüe que reúne reproducións de todas as obras expostas e dous textos: un do comisario da mostra, Kike Ortega, e outro do xornalista e crítico cultural Ramón Rozas.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 19 resultados.