A Deputación organiza un seminario no Museo para analizar a vida e obra de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas
A primeira xornada do seminario celébrase este xoves desde as 16:30 horas coas intervencións de Cristina Villaverde Ruibal, Marga do Val, Xosé Enrique Acuña e Graciela Baquero
25/05/2026
O Museo de Pontevedra acolle este xoves 28 de maio a primeira das dúas xornadas que forman o seminario ‘Tecendo pinturas. As artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas’, un espazo para a análise destes dous artistas que se desenvolve en paralelo á exposición que se pode visitar no Museo ata o 28 de xuño. Desde as 16:30 horas no Edificio Castelao terán lugar as conferencias de Cristina Villaverde Ruibal, Marga do Val, Xosé Enrique Acuña e Graciela Baquero, que se completarán coa proxección dun documental de TVE en Galicia do ano 1983. O seminario contará cunha segunda xornada o 19 de xuño. O seminario está dirixido por Cristina Villaverde Ruibal, comisaria da exposición. O acceso é libre e entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.
No seminario unha serie de especialistas analizarán, con distinta voz e contidos, os tempos que lle tocou vivir a esta parella de artistas, intensamente comprometida coa creación e a cultura desde os anos cincuenta do século pasado. Un percorrido peculiar que se desenvolve lembrando as súas individualizadas e parceladas incursións na poesía, na narrativa e mais na arquitectura, sempre en paralelo co seu intenso e máis coñecido proceso pictórico, que hoxe (como as súas respectivas liñas biográficas) precisa dunha clara reinterpretación.
A xornada do 28 de maio abriraa Cristina Villaverde Ruibal, que falará dos primeiros anos de vida de Mercedes Ruibal e a súa relación con Xeve e Pontevedra. A conferencia vai incidir no proceso migratorio persoal e familiar que viviu a pintora na Arxentina, o país onde descubriu a pintura ao lado de José Otero Abeledo, Laxeiro. O Sobral é a casa parroquial na que naceu en 1926 e a que tamén lle serviría a ela e a Agustín Pérez Bellas para asentar como parella e mais como refuxio mural de moitas das súas primeiras obras.
A escritora Marga do Val dedicará a súa intervención ao libro que Mercedes Ruibal publicou en 1978, “Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso”, e daquela foi recibido con desconcerto. A conferenciante establece novas lecturas desta obra abrindo un diálogo con moitas das expresións e dos pensamentos que a pintora galega debulla neste libro tan especial de non ficción, para así rescatar do esquecemento tanto a súa singularidade coma a valentía conceptual que achegou nunha etapa delicada da nosa historia contemporánea.
Xosé Enrique Acuña confrontará a relación coa política de dúas pintoras: Mercedes Ruibal e Julia Minguillón. A análise sen maniqueísmos concluíntes de certos comportamentos, ben distintos, que estas dúas pintoras protagonizaron en décadas diferentes dos tempos en que lles tocou vivir, conduce a reflexionar sobre a relación destas artistas coa sociedade e a súa implicación nun activismo político directamente ligado ás súas propostas artísticas.
A última conferencia será a de Graciela Baquero, que se achegará á obra literaria da parella. Desde un primeiro achegamento á poesía por parte de Mercedes e cos diarios das súas viaxes de estudo como arquitecto no caso de Pérez Bellas, esta inmersión na literatura, especialmente no campo poético, verase analizada e recitada utilizando e mesturando os seus propios rexistros literarios, tan distintos, co ánimo de descifrar e mais tamén de recuperar a escrita creativa que compaxinaron coa pintura.
A xornada vaise pechar coa proxección da peza documental “Homenaxe a Pérez Bellas”, de 32 minutos de duración, realizada por TVE en Galicia en 1983. Presentada polo xornalista Segundo Mariño, realizouse cando se cumpría un ano da morte de Agustín Pérez Bellas, no contexto dunha mostra-homenaxe realizada en Vigo. Nela interveñen os pintores galegos Virxilio, Colmeiro e Laxeiro; o madrileño Joaquín Pacheco; e mais o arquitecto José Antonio López Candeira.
Segunda sesión o venres 19 de xuño
O seminario continuará o venres 19 de xuño cunha segunda sesión formada por unha conferencia e unha proxección audiovisual. O arquitecto José Luis Varela Alén centrarase no papel como arquitecto de Agustín Pérez Bellas, que permanece oculto, acrecentado polo esquecemento e pola desaparición de moitos dos seus proxectos realizados. Pérez Bellas irrompe con innovadoras ideas axitando a decimonónica linguaxe establecida pola xeración anterior. Desligar o Pérez Bellas arquitecto do Agustín pintor é case imposible. Redescubrir a súa obra construída, e como esta transcorre de xeito paralelo á súa outra vertente creativa, permite recompoñer por completo a súa contundente silueta.
Por último, a artista visual Beatriz Ruibal presentará “Roma, 1974”. Unha bolsa da Academia de España en Roma foi a oportunidade para desenvolver un proxecto que a artista tiña en mente desde que herdara unha serie de películas en Súper 8 con gravacións de membros da comunidade internacional de artistas e intelectuais que habitaron no barrio romano de Trastevere na década dos setenta do século pasado. As películas herdounas da súa tía Mercedes Ruibal e do seu tío Agustín Pérez Bellas, pintores que tiveron un estudio aberto neste barrio e que formaron parte desa comunidade.
A través de fotografías dos lugares, textos, entrevistas a personaxes, documentos da época, testemuños e audiovisuais, Beatriz Ruibal trata de recuperar a memoria desa comunidade formada por poetas, pintores e cineastas, na que todas e todos xogaron un papel fundamental na historia e cultura italianas, coma o poeta Rafael Alberti e a escritora María Teresa León, o pintor Carlo Quattruci, o pintor e escultor Alessandro Kokocinski, o carteiro Peppe Militello, e todos canda Mercedes e Agustín.
