A Deputación leva o programa provincial +Música este domingo a Portas cun concerto de Lucía Pérez

O calendario do programa inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o próximo mes de setembro

23/05/2024

Concerto de Lucía Pérez

Este domingo, 26 de maio, a Deputación de Pontevedra continuará espallando a música galega a través do programa provincial “+Música”. Neste caso farao en Portas e cun concerto de Lucía Pérez, que se celebrará no Auditorio da Azucreira de Portas a partir das 19:30 horas con asistencia de balde.

Con “+Música” a Deputación de Pontevedra está a apoiar a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega ou, no caso de formacións instrumentais, que interpretan pezas de autoría galega. O obxectivo é contribuír á difusión e o fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural.

Lucía Pérez é unha recoñecida artista galega que acadou popularidade a nivel nacional e internacional despois de representar a España no Festival de Eurovisión en 2011, interpretando a canción “Que me quiten lo bailao”. A súa participación neste recoñecido evento permitiulle gañarse o agarimo do público e posicionarse como unha destacada figura na industria musical.

Entre este mes de maio e o de setembro están previstas un total de 59 actuacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 no mes de maio, 2 no mes de xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.