A Deputación leva este sábado un concerto de Xuntos pola Música a Lalín no marco do programa provincial +Música
A actuación terá lugar na Praza da Torre ás 19:00 horas e enmárcase neste programa provincial que está dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
18/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 20 de xuño un concerto de Xuntos pola Música a Lalín enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza da Torre ás 19:00 horas.
Xuntos pola Música nace co respaldo da profesionalidade e experiencia dos seus compoñentes, entre os que se atopan Lys Pardo, filla de Juan Pardo, e Antonio Barros, coñecido cantante galego, así como Fernando Calderón e iAlma. En Lalín, o grupo presenta un espectáculo musical que dá vida ao repertorio do compositor, autor e cantante Juan Pardo cun son fresco, emocionante e contemporáneo, ademais de tradicional. Tamén na vila dezá e da man de Xuntos pola Música se poderá gozar de poemas musicados de autores como Eduardo Pondal ou Ramón Cabanillas.
Este concerto é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.