Nova achega do IDAE á Deputación para renovar o alumeado público da provincia e lograr unha maior eficiencia enerxética

Meaño, Meis e Vilanova de Arousa recibirán unha axuda de preto de 275.000 € para substituír as actuais luminarias exteriores por luces LED de última xeración

27/04/2022

IDAE

O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) vén de conceder unha nova subvención de 274.855,56 € revalidando así o modelo de desenvolvemento urbano sostible da Deputación de Pontevedra. En concreto, trátase dunha axuda grazas á cal os concellos de Meaño, Meis e Vilanova de Arousa poderán substituír as actuais luminarias exteriores por luces LED de última xeración, co fin de lograr unha maior eficiencia enerxética.

Actuacións

En concreto, estes concellos poderán cambiar un total de 232 luminarias por outras máis respectuosas co medio ambiente e cunha eficiencia máis elevada. Ademais, actuarase sobre os cadros de mando existentes, de tal maneira que se instalará un sistema de control e regulación. Desta forma, a luz poderá axustarse segundo os diferentes horarios nocturnos e as necesidades concretas de cada tipo de vía. No concello de Meaño, cun investimento de 100.525,35 €, dos que 80.420,28 € están subvencionados polo IDAE, procederanse a substituír 139 dos 2.260 puntos de luz que existen por luminarias LED. Estas poderán ser programadas para adaptar o fluxo lumínico en dez cadros de mandos. Ademais, reformaranse 5 dos 181 cadros demando existentes e os cableados e posta a terra que se atopan en mal estado. Estas actuacións farán que a potencia pase dos 15 aos 5 kW, conseguindo un aforro enerxético do 66%.

O concello de Meis, por outra banda, contará con 72.145,50 € do IDAE dos 90.1818.88 necesarios para substituír un total de 28 puntos de luz localizados nos campos de fútbol de Mosteiro e Zancade, ademais de engadirse oito novos para cumprir coa normativa vixente, todos eles LED de última xeración. Esta actuación permitirá diminuír a potencia, pasando de 64 a 27 KW, conseguindo así un aforro enerxético do 57%.

Por último, no concello de Vilanova de Arousa, o IDAE subvencionará 122.289,78 € dos 152.862,23 necesarios para substituír os 65 puntos de luz instalados nos campos de fútbol de Pontearnelas, Corón e Terrón. Eliminaranse, ademais, catro dos puntos de luz xa existentes e que non son necesarios para cumprir coa normativa vixente. Por outra banda, actuarase nos tres cadros de mando existentes para engadirlles un sistema de control e regulación para axustar a luz os diferentes horarios nocturnos e necesidades. Pasarase desta maneira dos 84 aos 49 kW de consumo, o que suporá un aforro enerxético do 41%.

En total, as actuacións que se levarán a cabo nos tres municipios suporán unha diminución da potencia de 164 a 81 kW, cun aforro enerxético aproximado xeral do 53%. A axuda que o IDAE outorga á Deputación para a renovación das luminarias está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Sostible 2014-2020. En concreto, enmárcase no Obxectivo 4 do mesmo, é dicir, o que se centra na economía baixa en carbono. Con estes, xa son preto de 30 os concellos que ven mellorada a súa eficiencia enerxética grazas a estas axudas. En total, o IDAE aportou subvencións por preto de 8,5 millóns de euros a proxectos de máis de 50 municipios da provincia que buscan favorecer o paso a unha economía baixa en carbono.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.