O ciclo de teatro da Deputación chega este domingo a Ribadumia e ao Grove

As que limpan representarase no auditorio de Ribadumia ás 19:00 horas e Bernarda, no auditorio da Grove a partir das 19:30 horas. Ambas as funcións teñen entrada libre ata completar a capacidade

 

25/11/2023

O ciclo da Deputación “Tornar ás táboas”, co que a institución provincial está a espallar o teatro por toda a provincia nestes últimos meses do ano, chega este domingo 26 de novembro a Ribadumia e ao Grove. As que limpan, a cargo da compañía A Panadaría, dará comezo ás 19:00 horas no auditorio de Ribadumia e Bernarda, da man de Malasombra, representarase ás 19:30 horas no auditorio do Grove. Ambas as funcións teñen entrada libre ata completar a capacidade.

En forma de sátira utópica, As que limpan está inspirada nas loitas organizadas polas camareiras de piso dos hoteis por conseguir dereitos sociais e laborais xustos. A obra da compañía A Panadaría goza de sete premios desde que se estreou en febreiro de 2022, entre os cales se atopa o María Casares ao mellor espectáculo en 2023.

Bernarda, ambientada nunha vila galega en 1975, aborda a vida dunha familia que vive un estrito loito de dous anos imposto por Bernarda tras o falecemento do seu marido no mesmo día da morte de Franco. A obra amosa o contraste de dúas realidades, mentres que no fogar familiar a vida da nai e das súas fillas se desenvolve en reclusión, a sociedade no exterior sofre fortes cambios.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar neste último trimestre do ano un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.