O Museo homenaxea cunha exposición a Juan Carlos Meana, exdecano de Belas Artes falecido este ano

A mostra “Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas” abrirá as súas portas o próximo xoves, reunindo arredor de 30 pezas seleccionadas polo comisario Alberto Ruiz de Samaniego

29/07/2023

Juan Carlos Meana

O Museo de Pontevedra, en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, recordará a figura do artista e profesor Juan Carlos Meana cunha exposición monográfica na que se revisa a súa traxectoria a través de arredor de 30 obras creadas entre 1993 e 2018. Meana, que foi decano da facultade pontevedresa de Belas Artes entre 2010 e 2015, faleceu en xaneiro deste ano aos 59 anos de idade. A mostra inaugúrase o próximo xoves 7 de agosto no Edificio Castelao e estará aberta ata o 29 de outubro.

“Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas” propón un achegamento ao seu traballo de investigación na condición humana. Empregando linguaxes diversas, como a instalación,  a fotografía, a escritura e o vídeo, Meana traballa cos obxectos cotiáns para indagar na fraxilidade, esperanzas, fracasos e enigmas do ser humano. O comisario da exposición, Alberto Ruiz de Samaniego, explica que “Meana concibía a arte como tentativa de coñecemento e, ao tempo, como unha experiencia de transformación”.

A exposición quere ser tamén unha homenaxe ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, percorrendo as diversas etapas e temáticas que abordou. Ruiz de Samaniego destaca “o seu cuestionamento permanente do estatuto e sentido da obra de arte, entendida como unha proxección da intimidade do suxeito creador, e mesmo da función do propio taller do artista en todo este proceso de forte carácter existencial”. Para Meana, o espazo da arte, alí onde esta se xesta, debía ser visto como un “laboratorio de conflitos”.

Juan Carlos Meana (Vitoria, 1964 – Pontevedra, 2023) foi artista e profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Doutorouse en Belas Artes no ano 1993 na Universidade do País Vasco. Estudou na ENSBA de París (1987-89) con Christian Boltanski. A súa actividade centrouse inicialmente na práctica da pintura para ampliarse a outras disciplinas artísticas contemporáneas, especialmente a escultura e as instalacións, realizando máis dunha vintena de exposicións individuais e numerosas colectivas.

Meana fixo un traballo de reflexión sobre a práctica artística contemporánea e a docencia da arte, publicando artigos, dirixindo teses doutorais e formando parte de grupos de investigación. Publicou os libros “La ausencia necesaria” (2015), “Lo que no somos, lo que no queremos” (2002) e “El espacio entre las cosas” (2001). É precisamente deste libro, publicado pola Deputación de Pontevedra, de onde toma o seu título a exposición.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.