O Museo organiza dúas xeiras polos castros de Deza e o mosteiro de Carboeiro emulando as que facía o seminario de estudos galegos fai un século

A partir de mañá é posible inscribirse na visita aos castros de Toiriz e Doade e ao Museo Etnográfico Casa do Patrón, que se celebrará o 9 de setembro, e na visita ao mosteiro de Carboeiro con conferencia de Francisco Prado-Vilar, que terá lugar o 23 de setembro

07/08/2023

O Museo de Pontevedra organiza en setembro dúas saídas temáticas a modo de xeiras pola comarca de Deza, dentro das actividades programadas arredor do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. A primeira, centrada na arqueoloxía e deseñada polo arqueólogo Xulio Carballo, terá lugar o sábado 9 de setembro, con parada nos castros de Toiriz (Silleda) e Doade (Lalín) e no Museo Etnográfico Casa do Patrón. A segunda será no mosteiro de Carboeiro o sábado 23 de setembro, onde o investigador Francisco Prado-Vilar impartirá unha conferencia.

A inscrición está aberta desde mañá 8 de agosto ata o 1 de setembro para a primeira das xeiras, e ata o 15 de setembro para a segunda. En ambos casos farase a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal, indicando o número de teléfono. A información completa das actividades atópase no sitio web do Museo.

Xeira por castros de Deza. PRAZAS ESGOTADAS

xeira castros

A primeira das xeiras celebrarase o sábado 9 de setembro pola mañá, baixo a coordinación do arqueólogo Xulio Carballo. Visitarase en primeiro lugar Toiriz (Silleda), un castro non escavado pero no que se fixeron distintas actuacións de posta en valor do xacemento (Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz, Concello de Silleda, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Fomento). A seguinte visita será ao castro de Doade (Lalín), que foi escavado en varias campañas desde 2015. Finalmente visitarase o Museo Etnográfico Casa do Patrón, no lugar de Codesedo (Lalín), tamén a súa colección arqueolóxica, formada fundamentalmente polos materiais procedentes do castro. A actividade concluirá cun xantar opcional no restaurante do Museo Etnográfico Casa do Patrón.

Xeira por Carboeiro. PRAZAS ESGOTADAS

A segunda xeira terá lugar na mañá do sábado 23 de setembro e está organizada en colaboración co Concello de Silleda. Neste caso centrarase no mosteiro de Carboeiro e arrancará cunha visita guiada, á que seguirá a conferencia de Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas).

xeira carboeiro

A súa intervención leva por título “Carboeiro: novas investigacións, descubrimentos e o camiño cara a recuperación do seu patrimonio disperso” e nela fará un percorrido polas máis recentes investigacións sobre a historia do mosteiro de Carboeiro, presentando novos achados documentais, ata agora inéditos, e dando a coñecer os avances na recuperación do seu patrimonio espallado, como as esculturas da fachada principal da igrexa do mosteiro, que actualmente se atopan Museo Marès de Barcelona.

A xeira concluirá cunha andaina opcional de arredor dunha hora de duración polos arredores do mosteiro de Carboeiro.

Centenario do Seminario de Estudos Galegos

Estas actividades organizadas polo Museo de Pontevedra enmárcanse na celebración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), lembrando as xeiras que este colectivo realizou pola comarca de Deza. O Seminario organizábase en seccións dedicadas a distintas disciplinas pero que periodicamente realizaban saídas conxuntas de arredor dunha semana a diferentes comarcas galegas, co obxectivo de recoller información sobre o terreo, poñela en común e intercambiala. O recoñecemento de Deza comezou en 1928 e intensificouse nos veráns de 1934 e 1935. O obxectivo era estudar a etnografía, a arte, a arqueoloxía, a xeoloxía ou a arquitectura dispersas polo territorio.

A programación polo centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos completarase con outras actividades: a edición facsimilar de dous documentos (o Romance de unha fatal ocasión, poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, e outro romance do mesmo ano 1935 dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste), un ciclo de conferencias en outubro e a apertura dun espazo web para divulgar os materiais do SEG custodiados no Museo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.