A Deputación programa no Museo de Pontevedra un obradoiro de bordado botánico inspirado nas paisaxes de Castelao
A Deputación programa no Museo de Pontevedra un obradoiro de bordado botánico inspirado nas paisaxes de Castelao
03/03/2025
A Deputación abre este xoves 6 de marzo ás 10:00 horas o prazo para inscribirse nun novo obradoiro organizado no Museo de Pontevedra para público adulto. Trátase dun taller de bordado botánico impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini, inspirado nas paisaxes presentes na obra plástica de Castelao. Haberá catro grupos que realizarán o curso práctico en catro sesións cada un, nos meses de marzo, abril e maio. O primeiro arranca o próximo martes 11 de marzo.
A inscrición ao obradoiro pode realizarse a través da web do Museo. É de balde, aínda que o alumnado ten que traer o seu propio material. Desenvolverase no Edificio Castelao en catro quendas de catro sesións, en horario de 18:00 a 19:30 h, distribuídas deste xeito: o primeiro grupo os martes 11, 18 e 25 de marzo e 1 de abril; o segundo grupo os venres 14, 21 e 28 de marzo e 4 de abril; o terceiro grupo os martes 8, 22 e 29 de abril e 13 de maio; e o cuarto grupo os venres 4 e 25 de abril e 2 e 9 de maio.
Esta actividade trata do bordado como técnica pictórica, na que o fío e a agulla se empregan como ferramentas para transformar unha ilustración 2D noutra con volume e texturas, utilizando como base o téxtil. Centrarase no bordado botánico, coa recreación de árbores, flores e herbas, e tomarase como referencia a natureza presente nas pinturas de Castelao.
A artista téxtil mexicana Maritza Berttolini será a docente, que traballa con diferentes técnicas téxtiles coma bordado, tapiz, colaxe e debuxos a máquina de coser. Berttolini crea con técnicas tradicionais traducíndoas ao contemporáneo e traballa meticulosamente o tecido a man para facer cada peza única. Conta cunha longa experiencia como formadora con numerosos obradoiros impartidos en México, Madrid, Pontevedra e outras cidades.
