O programa “SmartPeme” da Deputación oferta esta semana tres novas accións formativas

Os obradoiros do programa de asesoramento tecnolóxico terán lugar os días 13 e 14 de decembro e estarán centrados na mercadotecnia social, no contido efémero en redes sociais e na Intelixencia Artificial

10/12/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os obradoiros centraranse na mercadotecnia social, no contido efémero para redes con historias en Facebook e Instagram e na Intelixencia Artificial.

O mércores 13 de decembro terán lugar dous cursos impartidos de xeito telemático. Ás 12 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, será a encargada de impartir o obradoiro O Teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. Nel explicarase como crear contido efémero nas redes sociais a través das historias integradas nunha estratexia de mercadotecnia.

Nesta mesma xornada do mércores, pero ás 18 horas, comezará o obradoiro Mercadotecnia Social: Estratexias Dixitais para Entidades do Terceiro Sector. Trátase dunha acción formativa centrada en dar a coñecer as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñibles para as entidades do terceiro sector. Este obradoiro impartirao Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e con ampla experiencia no ámbito da comunicación dixital e da mercadotecnia en liña.

Finalmente, o xoves 14 de decembro, entre as 12 e as 13 horas, impartirase de xeito telemático o curso Intelixencia Artificial, Iniciación con Robots. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, dará a coñecer os procesos de clasificación de imaxes mediante unha rede neuronal e unha placa de desenvolvemento Jestson Nano.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.