A Deputación investirá máis de 100.000 euros nas obras de asfaltado do camiño de Forniños, en Corvillón, Cambados
O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe o concello para anunciar esta actuación financiada integramente con recursos provinciais
20/05/2025
O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe Cambados, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar ao 100% as obras de asfaltado do camiño de Forniños, na parroquia de Corvillón. Farao a través dun investimento de 102.952 euros do +Provincia que neste 2025 destinará á vila a través da súa liña 1, de investimentos, 737.722 euros.
O deputado deu conta dos traballos que Cambados levará a cabo con estes fondos, grazas aos que se realizarán obras na mellora do camiño rural de Forniños, que dá acceso a viendas. Coas actuacións previstas vaise mellorar a rede viaria do concello, facilitando a circulación na parroquia de Corvillón, o que repercutirá na calidade de vida da veciñanza da zona. En concreto, executarase unha nova capa de rodaxe realizada con asfalto en quente de cinco centímetros de espesor.
Marcos Guisasola lembrou que neste 2025 Cambados recibe algo máis dun millón de euros das catro liñas do Plan +Provincia. Neste eido, o deputado enxalzou este programa que "enmárcanse no municipalismo que este goberno da Deputación ten como bandeira e que implica escoitar aos concellos e darlles resposta ás súas necesidades". Guisasola engadiu que con esta iniciativa queremos "impulsar a transformación e modernización das nosas vilas e pobos porque sabemos que facelo é mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños e impulsar o avance da nosa provincia".
