A Deputación patrocina a feira do gourmet galego Etiqueta Negra e porá en valor a marca TéAreeiro

A institución provincial contará cun posto durante o evento, que terá lugar en Pontevedra do 11 ao 13 de novembro, no que amosará cuestións relacionadas co cultivo do té

30/10/2023

A Deputación de Pontevedra será un dos patrocinadores da feira gourmet Etiqueta Negra 2023, que se desenvolverá no Recinto Feiral de Pontevedra do 11 ao 13 de novembro de 2023. Así o confirmou o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Jorge Cubela, que mantivo unha reunión cos responsables da organización desta feira do gourmet galego. Desta maneira, a Deputación contará cun posto no recinto feiral baixo o nome Tetería da Deputación de Pontevedra, no que dará a coñecer a marca TéAreeiro, o distintivo de calidade e de produto local co que a institución provincial impulsa a produción de té verde de camelia na provincia.

“Queremos converternos nunha referencia na produción do té, favorecendo que a xente poida gozar dunha bebida coma esta con denominación de orixe na provincia de Pontevedra”, asegurou Cubela ao respecto deste TéAreeiro, obtido con brotes e follas de Camellia sinensis. O deputado provincial destacou que impulsar a produción de té na provincia “é unha oportunidade de diversificar e de promover o desenvolvemento rural de Pontevedra e dar pasos cara adiante para frear o despoboamento no rural, ao tratarse de exemplares que neste recuncho de Galicia teñen un clima máis que favorable para o seu crecemento”.

Ademais, Cubela incidiu na importancia de estar presente en eventos coma este, “que lle dan visibilidade aos grandes produtos e a todo o que ten que ofrecer esta provincia, porque Pontevedra é gozar”. Deste xeito, neste posto, a Deputación de Pontevedra, a través de Areeiro, organizará durante todo o evento diversos cursos relativos ao cultivo do té abertos a todas aquelas persoas que estean interesadas. Tamén contará cun posto de información sobre produción de froitas locais, características e formas de cultivo.

Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego que se desenvolve en Pontevedra, chega entre o 11 e o 13 de novembro á súa sétima edición convertida nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país e que reúne nun mesmo espazo profesionais do sector, produtoras, produtores e persoas consumidoras co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia e a versatilidade dos produtos gourmet e delicatessen galegos.