A Deputación destina 185.000 € para a reforma do campo de fútbol do Rabel, en Ponteareas

A Xunta de Goberno deu luz verde á concesión da axuda no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que destina a Ponteareas máis de 220.000 euros

26/06/2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha axuda ao Concello de Ponteareas por valor de 185.000 euros co obxecto de financiar a reforma do campo de fútbol do Rabel. Trátase dos recursos que tiña pendentes de aprobación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.

A principal actuación do proxecto de reforma será a colocación dun novo céspede de herba sintética de última xeración, con fibras dun mínimo de 12.000 decitex e 40 milímetros de altura, lastrada con area de sílice e caucho para garantir estabilidade, rendemento e durabilidade. Tamén se inclúe a marcaxe do campo, coa sinalización das liñas de xogo tanto para fútbol-11 como para fútbol-7. Renovaranse os equipamentos deportivos, con porterías para ambas as dúas modalidades de fútbol, xogos de bandeiríns de córner e bancos, así como o sistema de iluminación, que solucionará as carencias actuais. Substituirase a varanda perimetral por unha máis resistente, construirase unha beirarrúa para mellorar a accesibilidade ao campo, executarase un sistema novo de recollida de pluviais e instalase un sistema de rego automático.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas destina nesta terceira edición ao Concello de Ponteareas máis de 220.000 euros. Ademais dos 185.000 euros aprobados esta semana, tamén se beneficiou doutra achega de 36.000 € con destino ao acondicionamento das pistas deportivas das Pombas.

O presidente Luis López asegurou que “os recursos do PEID permítennos sumar os concellos a esta aposta estratéxica da Deputación”, que busca “que esteamos nas mellores condicións tanto para a práctica deportiva como para a celebración e atracción de eventos”.