Luis López asina co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o convenio para financiar os 652.800€ da construción das novas piscinas municipais
O presidente provincial salienta que a combinación dos recursos do Plan Extra e o +Provincia permite financiar o 100 % dun proxecto estratéxico para o Concello
19/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, para a construción das piscinas municipais ao aire libre e un edificio polivalente. Un acordo asinado no marco da primeira convocatoria do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobilizou 38 millóns de euros para financiar as propostas presentadas polos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Campos selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 652.800 euros, 500.000€ con cargo ao Plan Extra e 152.800€ con recursos do +Provincia, para financiar a obra. “O Concello de Cuntis vai executar novas piscinas nun emprazamento distinta á que hai na actualidade. Un investimento que vai ser financiado ao 100 % pola Deputación”, explicou o presidente.
O proxecto ten por obxecto a construción de dúas piscinas descubertas, unha de adultos e outra infantil, así como un edificio polivalente que funcionará como elemento de servicio ás devanditas piscinas con vestiarios, cantina e control de acceso. A parcela, de titularidade municipal, ten unha superficie de 7.135 metros cadrados. “É un investimento importante para o Concello e co apoio da Deputación e do presidente é primordial para este proxecto tan importante para Cuntis”, declarou o alcalde, Manuel Campos.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou que xa están abertas novas liñas de financiamento para o vindeiro ano da que se poderán beneficiar concellos de menos de 50.000 habitantes, como Cuntis, como son o Plan Extra, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cuns 100.000€ reservados para este Concello; e proximamente unha nova convocatoria do +Provincia. “Este é o camiño que estamos a articular cos concellos pequenos e medianos e Cuntis é un exemplo”, dixo o presidente, quen lembrou tamén o recente remate da mellora da seguridade viaria na localidade de Arcos cun investimento de máis de 450.000€ por parte do ente provincial.
Con respecto ao presente ano 2025, a colaboración da Deputación co Concello de Cuntis non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello recibiu de mans do organismo provincial máis de 1,2M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Cuntis está a recibir máis diñeiro ca nunca da Deputación”, concluíu o presidente.
