Luis López asina co alcalde de Nigrán, Juan González, o convenio para a reforma da antiga casa consistorial cun investimento de 872.000€
O presidente da Deputación destacou que o goberno provincial achega 654.000 euros para a financiación dunha obra estratéxica para a veciñanza deste concello do Val Miñor
29/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes o convenio de colaboración co alcalde de Nigrán, Juan González, para o financiamento do proxecto de reforma interior e mellora da eficiencia enerxética da antiga casa consistorial ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra. Un acordo asinado no marco dun novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e González selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 653.900€, o 75 % do total, a un proxecto valorado en 871.900€.
A obra consistirá na reforma da planta primeira e segunda do antigo edificio do Concello de Nigrán para dotalo de maior funcionalidade. A intervención centrarase nas melloras da eficiencia enerxética, da sustentabilidade ambiental, da accesibilidade, da habitabilidade e da conservación. Dará como resultado unha redistribución espacial das dúas plantas, mellorando o illamento das fachadas, substituíndo a carpintería exterior, renovando os acabados, chans e teitos, así coma a mellora e modernización das instalacións existentes para mellorar a eficiencia enerxética do inmoble.
A colaboración da Deputación co Concello de Nigrán non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 2M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
