A Deputación aproba unha axuda de 150.000 euros do Plan +Provincia para que Redondela financie integramente o remate do paso superior dun tramo da liña de ADIF nos Valos
O vicepresidente Rafa Domínguez remarcou que xa se distribuíron preto de 44 millóns de euros deste programa que se ten convertido “no plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”
26/09/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de 150.000 euros do Plan +Provincia para que Redondela financie integramente o remate do paso superior e a contención de terras no punto quilométrico 161+500 da liña 810 de ADIF nos Valos. O vicepresidente provincial Rafa Domínguez remarcou que xa se distribuíron preto de 44 millóns de euros deste programa que se ten convertido "no plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación".
Cos recursos provinciais, construirase un muro de contención en cachotería de pedra neste tramo da liña 810 de ADIF, partindo da aleta dereita e conseguindo, así, un sostemento para a ladeira norte que evite futuros desprendementos. Ademais, tamén se vai instalar un taboleiro mediante un parapeto de formigón que protexa das caídas de vehículos e peóns sobre a vía e construirase unha beirarrúa na marxe dereita para aumentar a seguridade do tránsito peonil que cruza a ponte. A actuación completarase con varias capas de asfalto.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, remarcou que, con estes recursos que acaba de aprobar o goberno da institución provincial, Redondela financiará ao 100% esta actuación e recordou que este ano a vila recibe no marco do Plan +Provincia máis de 1,2 millóns de euros.
