A Deputación culmina o proceso da transferencia da Finca e do Pazo de Lourizán á Xunta

A corporación tamén deu luz verde a unha modificación de crédito por 90.000 euros para a posta en marcha dos campamentos dirixidos a nenas e nenos de Ucraína durante este verán

19/05/2023

Pleno

O pleno da corporación provincial aprobou hoxe por unanimidade de xeito definitivo á transferencia da Finca e do Pazo de Lourizán á Xunta de Galicia. Culmina así un proceso que se iniciou en xullo do pasado 2022 para a cesión á Administración autonómica da propiedade deste espazo, o histórico inmoble e as edificacións que alberga e que a Deputación de Pontevedra tiña adquirido en 1943. O acordo de cesión obriga á Xunta a preservar a integridade e manter a afectación dos inmobles da Finca de Lourizán cos seus fins de servizo público, sen prexuízo de desenvolver neles outras actividades complementarias de finalidade pública, entre elas as turísticas, divulgativas ou recreativas.

O expediente de transmisión da titularidade da finca e das edificacións foi aprobado inicialmente no pleno do 31 de marzo deste 2023, despois de meses de tramitación por parte da Comisión de Seguimento creada por ambas administracións para cumprir o protocolo de intencións asinado en xullo do 2022 entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. No período de exposición pública do acordo, que rematou a pasada semana, presentouse unha única alegación por parte da APDR (Asociación pola Defensa da Ría), que solicitaba modificar o protocolo para incluír medidas a fin de impedir unha posible privatización do inmoble. A alegación foi desestimada cun informe conxunto dos servizos de Contratación, Secretaría e Intervención que incidía en que non procedía a modificación do protocolo ao non ter este carácter executivo e acreditaba que a titularidade pública queda garantida, xa que o acordo recolle expresamente a obriga da Administración autonómica de manter o fin de servizo público destes bens.

Campamentos para nenos e nenas de Ucraína

Por outra banda, o pleno aprobou tamén unha modificación de crédito por 90.000 € para sumarse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), de apoio ás nenas e nenos dese país coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán, para os que a institución provincial porá a disposición as instalacións do Centro Príncipe Felipe. A institución provincial sufragará os custes da estancia da rapazada (de 6 a 17 anos) e a das súas persoas coidadoras, incluíndo  seguros médicos, tradutores, vestimenta e as actividades que se realicen durante a mesma. As nenas e nenos participantes convivirán durante un mes no que poderán desfrutar de actividades deportivas e de ocio dentro das propias instalacións, ademais de realizar saídas culturais e de contacto coa natureza. Ademais, a iniciativa contempla que a rapazada ucraína realice obradoiros de coñecemento lingüístico e de valores ambientais e igualdade e disporán tamén de atención psicolóxica.