O Pleno da Deputación aproba unha inxección de preto de 2,5 millóns de € para o Consorcio contra incendios

A maior partida dos recursos, 1,6 millóns de €, dedicarase á dotación dun vehículo de rescate e extinción en altura, dunha bomba urbana pesada e de tres vehículos de mando

20/05/2023

Pleno Modificacion Credito Consorcio

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade a modificación de crédito para financiar novos investimentos no Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e de salvamento, por un importe próximo aos 2,5 millóns de euros con cargo a remanentes do 2022. Os recursos, que xa foron aprobados anteriormente polo pleno do Consorcio, celebrado na sesión ordinaria de abril, reverterán na dotación de novos vehículos, vestiario e material funxible, na adquisición de maquinaria e no mantemento dos bens mobles e inmobles e dos vehículos.

A modificación de crédito, por un importe de 2.482.000 euros, permitirá investir 1,6 millóns de euros para adquirir un vehículo pesado de rescate e de extinción de incendios en altura para o parque de Ribadumia, un BUP (bomba urbana pesada) para o parque de Bueu e tres vehículos de mando. Ademais, investiranse 300.000 euros para a reposición de edificios, 187.000 € na adquisición de traxes de intervención, 10.000 € para a mellora da dotación de vehículos de intervención e 6.000 € para a adquisición de mobiliario.

Pola outra banda, a modificación de crédito tamén contempla 189.000 euros para investimentos novos en maquinaria, instalacións eléctricas e ferramentas; 140.000 euros para o mantemento dos bens mobles e inmobles e vehículos; e outros 50.000 euros para a compra de vestiario para o persoal operativo e material funxible de intervencións, como espumóxenos ou humectantes.