A Deputación aproba o expediente para a posta en marcha de +Renovables, a oficina provincial de apoio ás comunidades enerxéticas

A Oficina de Transformación Comunitaria, cun orzamento de 500.000 €, terá sede no Viveiro de Empresas de Barro e contará, ademais, con oficinas itinerantes

10/05/2024

Posta en marcha de +Renovables, a oficina provincial de apoio ás comunidades enerxéticas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da aprobación en Xunta de Goberno do expediente de contratación para a posta en marcha e a xestión da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, cun investimento de medio millón de euros e financiada con fondos europeos NextGenerationEU.  Con esta iniciativa, tal e como lembrou o presidente, "apoiamos as comunidades enerxéticas para seguir dando pasos na transformación desta provincia, apostando por un modelo sostible, eficiente e integrador, sempre tendendo pontes cos concellos e co tecido asociativo".

Luis López sinalou que "+Renovables contará con sede no Viveiro de Empresas en Barro e oficinas itinerantes" e busca "fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a nosa principal prioridade". O proxecto, dotado dun orzamento total de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos) nace como resposta á crise enerxética actual e pola necesidade de impulsar unha nova cultura enerxética con participación efectiva no sistema enerxético por parte da cidadanía.

Coa aprobación deste expediente, a Deputación de Pontevedra comeza o proceso para contratar unha empresa que se encargará, entre outras cuestións, do asesoramento e asistencia técnica ás entidades interesadas, da posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas e un observatorio provincial, de elaborar estudos e informes especializados, de formar o persoal, de promover dúas xornadas anuais (unha este ano e outra no 2025) para expoñer casos de éxito e retos, e tamén da organización dun congreso provincial de comunidades enerxéticas o próximo ano.