Luis López anuncia a posta en marcha de “+Convivencia”, o programa dotado con 220.000 euros para que as entidades sociais percorran a provincia e dinamicen o comercio local

O presidente da Deputación deu conta da aprobación das bases desta nova iniciativa, que lles deixará autonomía aos colectivos para gozar de actividades de posta en valor do patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia

05/04/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar o novo programa “+Convivencia”, unha iniciativa “que ten moito que ver coa posta en valor do noso territorio, centrándose no tecido social”. López deu conta da aprobación das bases deste novo programa na Xunta de Goberno, dotado de 220.000 euros para que as entidades sen fins de lucro da provincia compartan experiencias, creen espazos de participación e poñan en valor o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural de Pontevedra.

A principal novidade de “+Convivencia” é que “en vez de delegar a súa xestión en multinacionais, como se viña facendo ata agora, cada asociación ou entidade terá completa autonomía para o deseño e organización da súa actividade” e, para iso, contarán “cun apoio da Deputación de ata 1.000 euros por entidade”, sinalou Luis López. O presidente provincial asegurou que o obxectivo é “favorecer a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimular a economía local, pois ata agora quen se facían coas ofertas eran grandes grupos de viaxes moi afastados das asociacións que realizaban as actividades”.

No marco de “+Convivencia”, a Deputación ofertará un amplo catálogo de actividades e rutas que inclúe propostas de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as actividades estarán abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ás ANPA da provincia e o prazo para solicitar as actividades permanecerá aberto entre o 15 de abril e o 1 de decembro. A data límite para realizalas será o 15 de decembro.