A Deputación abre este martes 10 de marzo o prazo para que entidades da provincia soliciten as axudas para realizar actividades culturais, dotadas con 350.000 euros
O orzamento das achegas aumentou en 50.000 euros con respecto ao 2025, e as entidades sen fins de lucro poderán recibir ata 2.500 euros para impulsar actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia
09/03/2026
A Deputación acaba de publicar no Boletín Oficial das Provincia de Pontevedra as bases das axudas para que entidades sen fins de lucro da provincia poidan realizar actividades culturais. Trátase dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros, 50.000 euros máis que o pasado ano, cando beneficiou a máis de 200 colectivos, e as entidades teñen un mes de prazo a partir destes martes, 10 de marzo, para presentar as súas solicitudes.
As axudas a actividades culturais divídense en dúas liñas, a primeira dotada de 290.000 euros (fronte aos 250.000 euros de 2025) cos que se poderán financiar actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, tamén festivais, mostras, encontros ou certames culturais, ou festivais/actividades relevantes de promoción da cultura e tradicións que se celebren fóra de Galicia. A segunda, dotada de 60.000 euros (fronte aos 50.000 € de 2025), está reservada á participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou en intercambios culturais fóra de Galicia.
Cada entidade poderá recibir ata 2.500 euros e un máximo do 75% do orzamento da actividade. A Deputación de Pontevedra promove e fomenta así a cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, subvencionando unha media de duascentas actividades culturais anuais co fin de contribuír á promoción e protección do patrimonio, á dinamización cultural especialmente nas zonas menos poboadas, e á difusión das tradicións e as distintas manifestacións culturais da provincia e de Galicia.