A Deputación ten aberto ata este venres o prazo para que entidades sen fins de lucro soliciten algún dos obradoiros de “+Xuntas”

O programa provincial, dotado con 300.000 euros, ten por obxectivo impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

26/02/2024

Últimos días para que as entidades sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento poidan solicitar algún dos obradoiros do programa da Deputación de Pontevedra “+Xuntas”. A través desta iniciativa, dotada con 300.000 euros, a institución provincial pretende impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

Cada entidade poderá solicitar ata este venres un de marzo un dos 207 obradoiros ofertados.  As accións formativas, centradas en temáticas coma a tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde,  están dirixidas a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.

Deste xeito, en “+Tecnoloxía” contémplanse cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais. Pola súa banda, en “+Creatividade”, as entidades poderán elixir entre accións formativas relacionadas coa pintura ou outras centradas no teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro. Ademais, a través de “+Natura”, a Deputación de Pontevedra inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, na conservación de alimentos, na xardinería, nas hortas ecolóxicas e na arte floral; e, por último, “+Saúde”, ofrece obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.