Iris Darriba gaña o VI Premio Exeria do Ateneo Atlántico co seu relato ‘O peixe’ baixo o lema ‘Vigo fronteira’
A sede da Deputación en Vigo acolleu o acto de entrega do galardón, que estivo amadriñado por Camiño Noia e contou coa actuación musical de Francisco Castro
12/06/2026
A artista viguesa Iris Darriba resultou gañadora da sexta edición do Premio Exeria Ateneo Atlántico co relato ‘O peixe’, unha obra presentada ao certame baixo o lema ‘Vigo fronteira’, eixo temático desta convocatoria.
A entrega do galardón, dotado con 1.500 euros e unha escultura en bronce de Cuqui Piñeiro, celebrouse este venres na Sala Rosalía da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, nun acto organizado polo Ateneo Atlántico que contou coa participación da vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez; da presidenta da entidade, Luisa Abad; da presidenta do xurado e madriña desta edición, Camiño Noia; da secretaria do xurado, Nones Araújo; e do vicepresidente do Ateneo Atlántico, Anxo Cabada. A cerimonia estivo acompañada polas interpretacións musicais do escritor e guitarrista Francisco Castro.
A través dunha mensaxe audiovisual proxectada durante a gala, Iris Darriba agradeceu ao xurado a concesión do premio e recoñeceu o valor de iniciativas como o Premio Exeria para seguir fortalecendo a creación literaria en Galicia.
Pola súa banda, Luisa Sánchez quixo recoñecer a traxectoria da gañadora, da que destacou a súa condición de artista multidisciplinar. A responsable provincial lembrou que Darriba xa fora distinguida hai uns meses noutro certame literario celebrado tamén na sede viguesa da Deputación, unha circunstancia que definiu como unha mostra do seu talento creativo.
A vicepresidenta subliñou ademais que o certame ten en Vigo “mellor protagonista posible”. “Desde a súa primeira edición foi construíndo un mapa emocional e literario da nosa cidade”, afirmou.
A sede de Vigo como espazo cultural
Do mesmo xeito, Luisa Sánchez agradeceu ao Ateneo Atlántico que siga contando coa Deputación para celebrar este acto e reivindicou o papel da sede viguesa da institución provincial como un espazo aberto á cidadanía e á actividade cultural.
“Queremos que esta sede de Vigo sexa un espazo aberto á cidade e son eventos coma este os que fan realidade ese desexo”, sinalou a vicepresidenta, quen lembrou que o edificio acolle de maneira habitual exposicións, actividades formativas, presentacións e iniciativas culturais. “Esta sede non é só un edificio administrativo; as súas salas teñen que ser instalacións vivas”, engadiu.
A vicepresidenta tamén puxo en valor o labor desenvolvido polo Ateneo Atlántico na promoción da cultura e da lingua galega e felicitou á súa presidenta, Luisa Abad, polo traballo realizado ao longo dos últimos anos. Neste sentido, destacou que o Premio Exeria se ten consolidado como unha referencia cultural na cidade ao combinar creación literaria, identidade local e defensa do galego.
O Premio Exeria, organizado polo Ateneo Atlántico desde 2021, ten como obxectivo fomentar a creación literaria en lingua galega e fortalecer os vínculos entre a literatura e Vigo. Ao longo das súas seis edicións, o certame foi construíndo un imaxinario literario arredor da cidade a través de lemas que abordaron cuestións como a arte urbana, o futuro de Vigo, a ría, a identidade local ou a relación emocional coa cidade.
