A Deputación revalida o seu compromiso co Atlantic Fest, un símbolo da provincia e das potencialidades do destino Rías Baixas

O deputado provincial Marcos Guisasola participou na presentación deste festival, “que pon Vilagarcía e Pontevedra no mapa e impulsa a economía da cidade, comarca e provincia”

14/07/2023

Poxa Mouriscade

A Deputación revalida o seu compromiso co Atlantic Fest, que terá lugar entre o xoves 20 e o domingo 23 de xullo e se enmarca na marca provincial Rías Baixas Fest. Na presentación do evento participou o deputado provincial Marcos Guisasola que remarcou a súa importancia como “símbolo desta provincia, que pon Vilagarcía e Pontevedra no mapa e impulsa a economía da cidade, comarca e provincia”. Xunto ao deputado déronse cita no acto o alcalde  de Vilagarcía, Alberto Varela; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a co-directora do Atlantic Fest, Susana Laya, a directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Begoña Mesejo, así como representantes de Mahou San Miguel, Bodegas Martín Códax e a Fundación Paideia.

A aposta da Deputación de Pontevedra polo Atlantic Fest enmárcase na política de sumar sinerxías e tender lazos de colaboración entre administracións e co sector privado marcada polo presidente Luis López na súa toma de posesión. De feito, o deputado provincial fixo fincapé na necesidade de traballar “xuntas e xuntos” para potenciar a industria cultural e turística xa que Atlantic Fest amosa unha ampla oferta das potencialidades do destino Rías Baixas, dende a música, ata os valores culturais, paisaxísticos, medioambientais e gastronómicos. Neste eido Guisasola felicitou á organización do festival pola súa implicación e compromiso e animounos a “seguir traballando así de ben para que o festival siga así de vigoroso durante moitos anos máis”.

Atlantic Fest reuniu o pasado ano a milleiros de persoas na praia da Concha de Vilagarcía. Trátase dun evento que combina música e gastronomía e mantén un compromiso co respecto á contorna natural. Nesta súa sétima edición, que arrancará o xoves 20 de xullo e se espallará ata o domingo 23, contará con cinco escenarios diferentes: Vilagarcía Viva (no Auditorio), Galicia, Vibra Mahou e Alma Atlántica (na praia da Concha) e Sonemerxente (na praza de Galicia). Abrirá o festival Abraham Boba no escenario Vilagarcía Viva, o xoves 20. Na praia da Concha poderanse escoitar, entre os días 21 e 22 de xullo, grupos como Leiva, Viva Suecia, Sidecars, Sidonie, The Guapos, León Benavente, EME DJ, ou La Bien Querida. O domingo, 23, o escenario Sonermerxente da praza de Galicia acolleará aos grupos De Ninghures, Law e Ania Baires. A parte gastronómica estará representada a través de diferentes foodtrucks que se instalarán ao longo do recinto.

videos