A Deputación continúa o vindeiro 26 de setembro en Poio coa nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027
Javier Tourís sinalou que a xornada terá lugar a partir das 16:30 horas no Parque Ankar e incluirá actividades formativas e lúdicas para toda a veciñanza
17/09/2026
O deputado provincial Javier Tourís acaba de presentar en Poio xunto co alcalde da localidade, Ángel Moldes, a que será a segunda xornada de convivencia do programa +Convivir do período 2026/2027. A cita terá lugar o próximo sábado 26 de setembro, a partir das 16:30 horas, no parque Ankar, ata onde se desprazarán centos de persoas procedentes do movemento asociativo e veciñal da vila “ás que queremos agradecer todo o que están a facer a favor da cidadanía”, sinalou Javier Tourís.
O deputado provincial recordou que +Convivir é “unha oportunidade para seguir fomentando unha vida en comunidade, con estas xornadas de convivencia na que nos xuntamos, tecemos lazos e creamos espazos de encontro onde podemos presumir do avance imparable desta provincia extraordinaria na que vivimos, Pontevedra”. En Poio a xornada incluirá un obradoiro sobre o alzheimer a cargo de ANFAPO, un curso de primeiros auxilios da man de Manuel Viso, unha actividade de zumba con Alberto Canosa e rematará cunha merenda dinamizada cun DJ. “Queremos seguir fortalecendo as relacións entre a Deputación de Pontevedra e o movemento asociativo e veciñal da provincia”, asegurou Tourís ao tempo que recordou que +Convivir, que chegará a arredor dunha trintena de concellos entre este ano e o próximo, concentrou a máis de 10.000 persoas nas dúas anteriores edicións.
O deputado, que lidera a área de Acción Comunitaria da institución provincial, destacou que “ao igual que a nosa extensísima oferta cultural e de lecer, +Convivir tamén amosa a pegada que deixa a Deputación no territorio para dinamizar a vida das nosas vilas e parroquias”, núcleos “en boa parte sostidos pola implicación das asociacións, que están a recibir recursos como nunca nas nosas convocatorias de axudas”. Neste eido, puxo en valor as 900 solicitudes na convocatoria deste ano de Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua: “equivalen a todas as axudas que concedemos nas anteriores convocatorias”. Ante estas solicitudes, o goberno provincial incrementou en 1,7 millóns o seu orzamento soamente este ano, “pero non respecto ao ano pasado, senón respecto ao que tiñamos previsto inicialmente nas bases das convocatorias”.
