A Deputación destina preto de 240.000 euros para que Pazos de Borbén, Barro e Redondela impulsen e melloren as súas infraestruturas deportivas

Trátase dos primeiros recursos aprobados do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, promovido polo Goberno de Luis López e dotado cun orzamento de 4 millóns de euros

23/02/2024

Rolda de prensa do presidente

A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno os primeiros recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas con axudas que ascenden a preto de 240.000 euros para os concellos de Pazos de Borbén, Barro e Redondela. Este plan, promovido polo Goberno de Luis López e dotado cun orzamento de 4 millóns de euros, permitirá que os concellos da provincia poidan "construír novas instalacións de uso deportivo, modernizar, remodelar ou mellorar as existentes, e adquirir equipamentos, material ou terreos para uso deportivo", detallou o presidente.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar estas axudas. Así, Pazos de Borbén, Barro e Redondela benefícianse xa da contía máxima aprobada para cada concello no marco deste plan extraordinario. Deste xeito, Barro recibirá 38.274 euros para substituír a cuberta do pavillón polideportivo.

Pola súa banda, o Goberno provincial destinará a Pazos de Borbén 35.123 euros para o proxecto de cuberta da pista de pádel, unha actuación que ascende a 62.674 euros e que, tal e como informou Luis López, "imos financiar ao 100 %, xa que a estes recursos do Plan de infraestruturas deportivas que aprobamos hoxe hai que engadirlles outros 27.551 euros que destinamos xa a través do Plan +Provincia".

O mesmo acontece con Redondela, onde a Deputación de Pontevedra financiará o 100 % da obra de substitución de céspede artificial no campo de fútbol de Chapela, que ascende a 330.118 euros. Así, aos 163.615 euros que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou para esta obra no concello a través do Plan de infraestruturas deportivas hai que engadirlles outros 166.000 euros ao abeiro da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.