A revolución do descubrimento da tumba de Tutankamón polo arqueólogo Howard Carter, protagonista mañá no Museo da primeira sesión das IX Xornadas de Exiptoloxía

A arqueóloga Teresa Bedman falará do centenario do achado da tumba, o máis importante da historia de Exipto

19/07/2022

A revolución que supuxo o descubrimento da tumba de Tutankamón polo arqueólogo Howard Carter será protagonista mañá no Museo de Pontevedra da primeira sesión das IX Xornadas de Exiptoloxía. Será da man da arqueóloga Teresa Bedman, que falará do centenario do achado da tumba, o máis importante da historia de Exipto, que se cumpre no mes de novembro. As xornadas seguirán o xoves 21 co exiptólogo Francisco Martín Valentín, tamén codirector da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy, que explicará o enorme incremento dos datos dispoñibles nos últimos vinte e cinco anos  sobre o reinado de Amen-Hotep III, posiblemente o verdadeiro pai de Tutankamon.

Bedman explicará sobre Tutankamon, entre outras cousas, quen foi o faraón, quen foi Howard Carter e como se levou a cabo o achado da súa tumba, case intacta, no transcurso dunhas escavacións sufragadas por Lord Carnarvon. O descubrimento deste hipoxeo con máis de 5000 artefactos, entre eles a máscara funeraria de Tutankamón, exposta no Museo Exipcio do Cairo, espertou un renovado interese no Antigo Exipto, ao tempo que se empezou a xestar a coñecida como ‘maldición do faraón’ polas mortes pouco tempo despois de varios dos implicados no descubrimento da súa momia.

Na xornada do xoves o exiptólogo Francisco Martín Valentín, tamén codirector da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy, falará dos descubrimentos levados a cabo polos autores nas escavacións realizadas na Tumba do Visir Amen-Hotep Huy (Asasif nº -28-), o que lles permitiu propoñer unha visión histórica nova dos acontecementos que balizaron o final da dinastía XVIII. Nos relatorios ofrecerase un estudo do reinado de Amen-Hotep III, o noveno faraón da dinastía XVIII, quen posiblemente é o pai de Tutankamón segundo os últimos achados. 

A entrada é libre ata completar cabida. 

PROGRAMA

Mércores, 20 de xullo

Tarde

18:30 h         Acreditación e acto de inauguración

19:00 h         ”…COUSAS MARABILLOSAS”: TUT-ANJ-AMON: historia dun descubrimento

Teresa Bedman. Exiptóloga do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e Co-Directora da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.

Xoves, 21 de xullo

Tarde                           

19:00 h                         AMEN-HOTEP III O ATON RESPLANDECENTE

Francisco Martín-Valentín. Exiptólogo do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e Director da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.