Luis López asina co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención de incendios forestais por valor de 600.000 euros

O presidente da Deputación destaca o investimento provincial de 300.000 euros e a cooperación institucional para protexer o medio natural e avanzar no reto demográfico

20/02/2024

Luis López asina co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención de incendios forestais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais. Un acordo a través do cal a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia achegan 300.000 euros cada unha para ratificar o compromiso compartido na loita contra o lume e para realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e á conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal dotando de medios materiais os concellos da provincia. Trátase do primeiro convenio deste tipo asinado entre a Deputación e a Xunta de Galicia; o presidente López destacou que “os concellos serán os beneficiarios desta medida”.

O acordo, asinado esta mañá no Pazo provincial coa presenza do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, senta as bases para executar accións concretas neste ámbito, no que a Deputación e a Xunta cooperarán para adquirir nova maquinaria, poñer á disposición do Goberno autonómico o material de titularidade provincial e formar o persoal dos concellos no uso destas ferramentas e en estratexias de prevención e extinción de incendios. Estes obxectivos levaranse a cabo posteriormente a través de convenios específicos entre a Deputación, a Xunta e os concellos da provincia.

Despois de asinar o convenio, Luis López sinalou que os lumes son unha das grandes ameazas que afectan o medio rural. “Ameazas que proveñen do despoboamento do rural, co que loitamos a través do departamento creado por este Goberno para o reto demográfico, ameazas que proveñen do cambio climático que tratamos de combater e ameazas coma esas accións imprudentes ou intencionadas, pero sempre inxustificables, dalgunhas persoas que danan o noso patrimonio natural”, subliñou o mandatario provincial. Ademais, tamén recordou que a colaboración entre Xunta e Deputación en materia de prevención de incendios é un exemplo máis da cooperación entre ambas as institucións, coma a cesión da Escola de Cantería, o pazo de Lourizán ou o Centro Príncipe Felipe, así como o compromiso para a reforma de Santa Clara.

Neste sentido, o presidente da Deputación agradeceulles ao conselleiro José González e á Xunta de Galicia o compromiso coa conservación do patrimonio natural. “Na loita contra os incendios non cabe outra cousa que non sexa a máxima colaboración e cooperación entre institucións”, rematou Luis López.

Galerias de imaxes