Luis López adianta que o vindeiro xoves 6 de febreiro o Pazo provincial da Deputación acollerá a presentación e anuncio dos finalistas dos Premios Mestre Mateo

Por vez primeira os galardóns da Academia Galega do Audiovisual entregaranse no interior da provincia, en Lalín, grazas ao apoio da Deputación

31/01/2025

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou en conferencia de prensa que o vindeiro xoves, 6 de febreiro, o Pazo provincial acollerá a presentación e anuncio dos finalistas dos Premios Mestre Mateo. Por vez primeira, “a gran cita do audiovisual galego”, como a cualificou o presidente, organizada pola Academia Galega do Audiovisual terá lugar nun concello do interior da provincia, en Lalín, grazas ao apoio da Deputación.

“Despois dunha semana na que Pontevedra acolleu a entrega dos Premios Feroz e onte mesmo a gala de entrega dos Mulleres no Foco, imos agora cos Mestre Mateo”, asegurou o presidente quen detallou que “a festa do audiovisual galego” terá lugar o 15 de marzo en Lalín e contará con representantes tanto da Xunta de Galicia como do propio Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra. Ademais, López explicou que a 23 edición dos galardóns da Academía Galega do Audiovisual será presentada pola actriz Susana Sampedro e o sonidista David Machado.

A proposta da Deputación de levar os Mestre Mateo ao rural atopou na Academia e no Concello de Lalín aos mellores aliados. Unha iniciativa que responde a dúas apostas. A primeira é reafirmar o apoio da Deputación á cultura e ao audiovisual, como vén facendo con programas como o Rías Baixas Acción, o apoio á organización dos festivais audiovisuais, a colaboración con proxectos cinematográficos ou o esforzo para recuperar un emblema cultural como o Cine Fraga. E a segunda pasa por descentralizar os grandes eventos, algo no que Lalín é un bo exemplo ao acoller xa un partido da Selección Española de balonmán ou ser escenario do International Six Days Enduro, as coñecidas como as olimpíadas desta disciplina do motociclismo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.