Rafa Domínguez asiste á presentación da Costa Atlántica MTB Tour, que chegará esta fin de semana a Pontevedra

10/04/2024

Rafa Domínguez asiste á presentación da Costa Atlántica MTB Tour

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu esta mañá no Concello de Pontevedra á presentación da nova edición da Costa Atlántica MTB Tour, unha competición de bicicleta de montaña que chega esta fin de semana á provincia ―e coa Boa Vila como base― co apoio da institución provincial. O vicepresidente lembrou que "este Goberno ten claro que o deporte é unha área estratéxica para o desenvolvemento da provincia" e sinalou que "estamos traballando moito, da man de todos os concellos, clubs e entidades para que poidamos acoller as grandes citas deportivas que nos poñen no mapa".

Domínguez puxo en valor o "talento pontevedrés" que hai baixo a marca do Costa Atlántica, cuxa organización tamén se fai cargo da Epic Race e La Road Pontevedra (a anterior Pontevedra Catro Picos). Neste eido, o vicepresidente deulles os parabéns por ser "unha garantía de calidade" e avanzou que "imos vivir unha fin de semana moi intensa, que vai amosar a fortaleza dos nosos ciclistas e tamén as espectaculares paisaxes naturais desta provincia".

Galerias de imaxes