Rafa Domínguez garante o seu obxectivo de converter Santa Clara na xoia da coroa de Pontevedra como capital cultural con recoñecemento internacional

O vicepresidente da Deputación presidiu a Comisión de Seguimento de Santa Clara, á que asistiron o deputado provincial, o concelleiro de Pontevedra César Mosquera, e os secretarios e persoal técnico de ambas as dúas institucións

04/09/2023

Comisión de Seguimento de Santa Clara

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, garantiu que a institución provincial “cumprirá escrupulosamente o protocolo asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra porque, e niso estarán de acordo moitos pontevedreses, o proxecto de Santa Clara é vital para Pontevedra, e imos impulsar un modelo de capital cultural con recoñecemento internacional, onde Santa Clara será a súa xoia da coroa”. O vicepresidente sinalou que o cumprimento do protocolo, de todos modos, “non impedirá que vaia haber cambios que anunciaremos nas próximas semanas”.

Rafa Domínguez realizou estas valoracións tras a reunión da Comisión de Seguimento de Santa Clara, onde se reuniron o vicepresidente provincial, o deputado provincial e concelleiro de Pontevedra César Mosquera, así como os secretarios e o persoal técnico das dúas administracións. Rafa Domínguez sinalou que o obxectivo da reunión foi “esclarecer o punto da situación no que se atopa Santa Clara e falarmos cara a cara de como imos enfrontar o futuro nun inmoble que ten que converterse na xoia da coroa do Museo de Pontevedra”.

Neste sentido, a orde do día incluíu o estado de conservación e mantemento de Santa Clara, a importancia histórica e cultural do complexo, as posibles ameazas ou riscos que o poidan afectar, ou a valoración de elementos arquitectónicos e artísticos presentes no convento. Tamén se avaliou o convenio, os seus prazos e desafíos, o estado actual das accións e o seu punto de desenvolvemento, así como as próximas accións e o financiamento por parte das administracións.

O proxecto da Deputación en Santa Clara busca “darlle un impulso ao modelo de cidade de Pontevedra, que é mundialmente recoñecible pero está comezando a quedar estancado”. O vicepresidente asegurou que “ese novo impulso non pode ser outro que o de converter Pontevedra nunha capital cultural con recoñecemento internacional. Non hai outro modelo de cidade que xere tantas sinerxías desde a cultura coma o de Pontevedra, e por iso debemos aproveitar o modelo que xa temos e seguir desenvolvéndoo para convertela no que queremos todos os que queremos a Pontevedra: a capital cultural de Galicia e un referente internacional”.

Rafa Domínguez asumiu “o compromiso da apertura dos xardíns de Santa Clara ao público e a súa integración como parte do Museo provincial”, e garantiu que “a Deputación cumprirá escrupulosamente o protocolo”. “Debemos contribuír entre todas as administracións, desde a lealdade institucional, para que o proxecto de Santa Clara chegue a bo fin”, asegurou o vicepresidente, que tamén sinalou que “o cumprimento non impide que vaian existir cambios que imos ir anunciando nas próximas semanas, xa que o protocolo é moi ríxido nalgúns aspectos, como ten que ser, pero moi laxo noutros e permite afrontar estes cambios”.

O vicepresidente da Deputación valorou o “ton cordial” da reunión e amosoulle “o meu agradecemento público ao Concello de Pontevedra por acudir a esta reunión”. Rafa Domínguez garantiu que “este proxecto sairá adiante co impulso da Deputación e agardo a colaboración doutras administracións”. Neste aspecto o vicepresidente provincial sinalou que “o Concello fixo un esforzo grande e agardo poder presentarlle un proxecto interesante ao presidente da Xunta para que se implique, e non descarto que a Administración central e outras poidan participar”. O vicepresidente da Deputación asegurou que “imos intentar que todas as administracións se involucren economicamente porque os 21,5 millóns do proxecto actual son claramente insuficientes, e así o confirmou o persoal técnico nunha contorna tan complexa desde o punto de vista histórico e arquitectónico”.

Galerias de imaxes

videos

audios