O vicepresidente, Rafa Domínguez, participa na presentación da sétima edición da Ultreia

14/03/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe na presentación da sétima edición da andaina Ultreia, organizada pola Agrupación Deportiva HQR! en colaboración co Diario de Pontevedra. No acto, no que estivo acompañado polo director xeral do devandito xornal, Antonio de Cora, e do xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, Domínguez aproveitou a ocasión para poñer en valor esta proba, “que se presenta como un auténtico reto, pero tamén permite vivir unha xornada na que valores coma a convivencia, o compañeirismo e a superación van da man en todo momento”.

O vicepresidente provincial destacou que a Ultreia está “xa consolidada como unha cita de referencia na provincia, un evento que cada ano atrae máis peregrinos chegados de todos os puntos da xeografía española. E non me estraña nada, porque se desenvolve nun escenario único e é unha experiencia 100 % Rías Baixas”, e animou a toda a veciñanza da provincia a inscribirse, antes do 20 de marzo, “nunha ruta que bebe do espírito de superación e convivencia dos peregrinos na antigüidade”.