Rafa Domínguez recibe na Deputación a Andrea Cascallar, a primeira muller española en gañar o premio á mellor tese da Sociedade Europea de Lóxica Difusa e Tecnoloxía

“Esta provincia está chea de talento e desde a Deputación estamos a traballar para promovelo e visibilizalo”, asegurou o vicepresidente, ao tempo que enxalzou o papel de Cascallar “como referente feminino nun campo tan masculinizado coma as STEAM”

03/01/2024

Juan Domínguez e Andrea Cascallar

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir no Pazo provincial a Andrea Cascallar, a primeira muller española en gañar o Best PhD Thesis Award da Sociedade Europea de Lóxica Difusa e Tecnoloxía (EUSFLAT). “Esta provincia está chea de talento e desde a Deputación estamos a traballar para promovelo e visibilizalo”, asegurou o vicepresidente provincial, ao tempo que enxalzou o papel da moza de Cerponzóns (Pontevedra) “como referente feminino nun campo tan masculinizado coma as STEAM”.

Andrea Cascallar, que actualmente traballa en Data Scientist, converteuse, con 30 anos, na primeira muller nada en España en gañar o Eusflat Best PhD Thesis Award que, ata a data, soamente recibiran outras tres mulleres en Europa. “É un orgullo para a provincia”, manifestou o vicepresidente, que aproveitou a ocasión para desexarlle moitos éxitos na súa carreira. Pola súa banda, a científica agradeceulle á institución o apoio prestado e, igual que Domínguez, reivindicou o talento da provincia e a importancia e necesidade de recoñecelo.

Durante a súa visita ás instalacións da Deputación, o vicepresidente amosoulle a Andrea Cascallar as dependencias do Pazo provincial e aproveitou para subliñar a importancia da tese desenvolvida pola científica, centrada na intelixencia artificial, un mundo novo e pouco coñecido. De feito, a investigación de Cascallar céntrase no desafío de modelar a imprecisión na linguaxe, hibridando as protoformas cuantificadas difusas coa xeración da linguaxe natural, un ámbito clave da intelixencia artificial que facilita a comunicación entre persoas e máquinas.