Recoñecemento ao taekwondo da provincia

21/02/2023

RECEPCIÓN TAEWKONDO PROVINCIA

A Deputación de Pontevedra vén de realizar hoxe un recoñecemento á Federación Galega de Taekwondo e aos e ás taekwondistas da provincia tralos excepcionais resultados que continúan a obter a nivel nacional e internacional, os últimos acadados no Campionato de España celebrado en La Nucía (Alacante), onde se proclamaron campións e campioas de España na modalidade de Técnica e acadaron un segundo posto na modalidade de Combate por equipos na clasificación xeral en categoría feminina. O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, recibiu no Edificio Administrativo a corenta taekwondistas liderados pola vicepresidenta da Federación, Noelia Pérez, e felicitounos/nas polos seus logros que, como subliñou, “converten a esta provincia nunha potencia mundial”. Gómez enxalzou o labor da federación, dos clubs, das familias e dos e das deportistas que co seu esforzo están a acadar todos estes éxitos e destacou que actos como o de hoxe buscan “visibilizar” desde a Administración provincial o relevante papel que están a ter os e as taekwondistas, “que non sempre ocupan o espazo mediático que merecen”, no marco do “decidido apoio da Deputación ao deporte inclusivo e  igualitario”. “É un orgullo para Pontevedra –engadiu- que representedes tan ben á vosa provincia, aínda que o máis importante é que desfrutedes do deporte”.

Pola súa banda, Noelia Pérez agradeceu o acto de recoñecemento da Administración provincial, “porque é importante visibilizar a todos e todas os/as campións e campioas e que se vexa que somos unha gran potencia” e felicitou tamén aos e ás taekwondistas, lembrando que esta “é unha das disciplinas con máis deportistas DepoDan e DepoPromesa na provincia, xunto aos deportes náuticos”. Nese senso agradeceu estas axudas provinciais, “que son moi importantes xa que no deporte de alta competición cada vez temos máis gastos”.